martes, 1 de marzo de 2011

Mañá tampouco vou estar convosco así que, alumnado de 2º de bac....

Como ben sabedes, non son nin moito menos imprescindible. Por iso, despois do descanso que, imaxino, tomastes hoxe, pídovos que continuedes coas traducións de Eutropio -onde quedamos antes do exame- e Xenofonte -rematado o texto 40, pasade ó 42-. Agardo estar o xoves, pero se non fose así, informareivos neste mesmo lugar. Se tedes dúbidas, podedes consultarme aquí mesmo, indicando, no caso de Xenofonte, non o nº do texto senón a referencia que vén abaixo, xa que non teño aquí a antoloxía pero si a obra completa.
(Non sei se volo dixeron pero a causa da miña ausencia foi un accidente in itinere, non de coche, senón que ía μετὰ τὰ πὸδια, a 10 m. de casa, por unhas escaleiras abaixo; en fin, como xa aprendestes de Sófocles, estamos sometidos á vontade dos deuses, que de cando en vez nos deixan caer dende o máis alto -nunca mellor dito- para recordarnos que somos θνητοί)

lunes, 28 de febrero de 2011

Sobre a crise grega

Cambiamos de tema e de época: aquí vos queda unha entrevista a un profesor que traballa en Grecia e que nos dá unha visión interesante do que pasou en Atenas e que non nos é tan alleo.

Imperio persa

Con este video rematamos o repaso a Ciro e o imperio persa. Recordade que neste blog hai unha entrada adicada a Ciro o Vello ou Grande.

miércoles, 16 de febrero de 2011

Ἔρως

Esta é a cita completa do verso de Alcmán (fragmento 101 D):

Ἔρως με δηὖτε Κύπριδος ἕκατι γλυκὺς κατείβων καρδίαν ἰαίνει.

"Outra vez Eros, dulce, por causa de Cipris, inundándome o corazón, ablándamo"

Recordades un verso de Safo no que dicía que Eros era γλυκύπικρος;


sábado, 5 de febrero de 2011

Lectura colectiva da Odisea

Se queredes participar nesta actividade, pinchade εδώ e seguide as instruccións. Non podedes perder esta oportunidade! O luns falamos -seguro que teño que pincharvos-.
Por certo, ὑπέρ-parabéns a todos os grupos do Cidade de Antioquía que pelexaron por desentrañar os misterios das preguntas-preguntóns Odisea 2011! Fixéstelo moi, moi ben, con paciencia, traballo e empeño, como se consiguen as cousas. Máis cedo ou máis tarde chegará o premio.
E por suposto, parabéns a Ana e Óscar, Atenea e Ares, que van loitar na final-desempate o próximo mércores. Sorteeeeeee!

viernes, 4 de febrero de 2011

Teatro grego

Aquí vos deixo un enlace con información que vos pode axudar a prepararvos para a lectura de Edipo rei. Tamén nestoutro lugar tedes información e cuestionarios par ver se entendestes o que lestes.
En canto a Asambleístas, aquí , aquí e aquí tamén se vos dá información de interés. E, mirade, aínda que só sexa por ver como rin en grego, este cómic feito από a obra de Aristófanes. E podedes buscar neste blog -coa etiqueta teatro- unha representación desta obra.
Boas lecturas.

jueves, 3 de febrero de 2011

Non deixedes de ir!

Esta muller chegou a Ourense dende Lesbos hai tempo; a paisaxe galega meteuse nela e, xunto cos recordos da súa terra, deu como froito esta maravilla que vos recomendo con todo o meu corazón.
Podedes aproveitar tamén para darvos conta de canto grego sabedes. Quen o ía dicir, o grego vale para algo!