A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (S.E.E.C.) convoca a vixésima edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia. Aquí tedes o enlace ás Bases e ao calendario completo.
A continuación, un pequeno resumo:
Terá lugar os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro (primeira fase), e os días 12 e 19 de febreiro (desempate local e fase final estatal respectivamente).
Nesta nova aventura de ODISEA 2025 navegaremos achegándonos a un novo tema: Os animais en Grecia e Roma.
Os tres primeiros días (luns 3, martes 4 e mércores 5 de febreiro) sairán publicadas tres “preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:
- 1º día, as preguntas serán sobre os Animais na mitoloxía grega e romana.
- 2º día, versarán sobre os Animais na vida cotiá de Grecia e Roma.
- 3º día, serán sobre os Animais na historia e institucións grecolatinas.
A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta nova singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas, e desfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estritamente necesario.
Fábula de Esopo para navegantes polas imprevistas e enigmáticas augas de Odisea
Unha tartaruga e unha lebre discutían sobre quen era máis rápida. Así, fixaron unha data e un lugar e separáronse. A lebre, pola súa natural rapidez, descoidou o poñerse á carreira, tombouse á beira do camiño e durmiuse. Pero a tartaruga, consciente da súa propia lentitude, non cesou de correr, e deste xeito tomou a dianteira á lebre durmida e levou o premio do triunfo.
A fábula amosa que moitas veces o esforzo vence á natureza descoidada.